A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, indicou esta mañá que tamén se establecerá unha colaboración coa Deputación da Coruña para participar na campaña ‘Fai fronte á violencia de xénero’
O Concello de Ferrol vai celebrar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25-N) con varias actividades, tal e como trasladou esta mañá a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, aos grupos municipais na comisión ordinaria de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico.
A edil explicou que o día 22 se iluminará de cor violeta o Teatro Jofre, ata o 29 de novembro, ambos incluídos. O 23 terá lugar unha obra de teatro de balde dirixida a centros educativos titulada ‘Sofía e as post-socráticas’, no Auditorio Municipal. O día 24 representarase no Teatro Jofre outra obra teatral, tamén de balde, para todos os públicos e titulada ‘Atrapadas’.
O día 25 realizarase a plantación de rosas en homenaxe ás mulleres asasinadas en 2021 e darase lectura á Declaración Institucional do 25N na Avenida de Esteiro, diante do monumento de Concepción Arenal.
Os días 26 e 27 haberá un espectáculo itinerante de microteatro contra a violencia machista que se desenvolverá en diversos locais de hostalaría da cidade, entre as 20.45 horas e as 23.45 horas. Realizaranse un total de 14 sesións de 15 minutos cada unha.
O 27 celebrarase un obradoiro de balde de defensa persoal no pavillón da Malata, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Ferrol, tal e como indicou Prados.
O día 30 terá lugar unha obra de teatro, ‘Invisibles’, de balde, dirixida aos centros educativos no Auditorio Municipal. Ademáis, durante a última quincena de novembro establecerase unha colaboración coa Deputación da Coruña para participar na campaña ‘Fai fronte á violencia de xénero’.
Fonte: Concello de Ferrol
No hay comentarios:
Publicar un comentario