martes, 9 de noviembre de 2021

O Concello ofrece un segundo curso de defensa persoal no marco do programa polo 25-N

 A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, informou esta mañá que terá lugar no pavillón de Santa Mariña

O Concello de Ferrol ofrece un segundo curso de defensa persoal os días 29 de novembro e o 1 de decembro no pavillón de Santa Mariña, de 9.30 a 13.30 horas, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, quen explicou que dende a secretaría xeral da Igualdade e no marco do acordo de colaboración asinado coa Federación galega de Municipios e Provincias de Galicia para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, o Concello de Ferrol vai desenvolver dito curso, que busca a prevención de situacións de violencia de xénero e promover as autocapacidades. O curso impartirase por persoal especialistas en defensa persoal e integrantes da Federación Galega de Loita no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25-N). 


O prazo de inscrición é desde o mércores, 10 de novembro, ás 9 horas, ata o 21 de novembro, ás 23.59 horas, a través do enlace www.ferrol.gal/defensapersoal25n, que estará operativo desde o mesmo mércores. Este curso súmase a outro de defensa persoal, tamén de balde, que terá lugar en colaboración coa Deputación da Coruña polo 25-N o día 27 de novembro no pavillón da Malata. As prazas xa están cubertas.

Actividades de Normalización Lingüística 
Prados, tamén concelleira de Normalización Lingüística, deu conta esta mañá na comisión ordinaria de área das actividades que se van desenvolver ata final de ano. A primeira, dentro do programa Apego, o concerto infantil ‘Rockeando con Ramona Órbita’, de Pakolas, dirixido ao público familiar, terá lugar o día 11 de novembro. Trátase dun concerto “cheo de humor no que coñeceremos as aventuras de Ramona Órbita e a súa máquina do tempo a ritmo roqueiro”, explicou Prados. A entrada será libre ata encher a capacidade do espazo. 

O 13 de novembro a Praza de Amboage terá lugar Vive a lingua, para público infantil, de 8 a 12 anos (de 16 a 17.30h) e mocidade de 13 a 17 anos (de 18.30 a 20 horas). A primeira será ‘A casa do mago’ e a segunda ‘O misterio das pantasmas’. É necesaria a inscrición previa no correo https://aventeira.com/vive-a-lingua/. O día 14 de novembro, ás 19.30 horas, o Teatro Jofre acollerá ‘Libre como os páxaros’, para o público a partir de 14 anos. Trátase dun espectáculo teatral sobre a figura e obra de Rosalía de Castro. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.

Presentación dun poemario inédito de Xohana Torres 
A concelleira tamén anunciou para o día 24 de novembro, ás 19 horas, no Torrente Ballester, a celebración dun acto para a presentación dun poemario inédito de Xohana Torres. 

No marco do programa Apego haberá outras dous actividades no Torrente Ballester. O día 25 novembro terá lugar o contacontos ‘Como axudo a Antón?’, de Os Biosbardos, para familias con menores de 3 a 10 anos. Trátase da historia dun neno que “aínda que non o está a pasar moi ben na escola, poderá recibir a nosa axuda a través das nosas reflexións”. O acceso tamén será libre. 

Por último, o 9 de decembro, Mamá Cabra desenvolverá un obradoiro de arrolos para familias con menores de 0 a 3 anos, que aprenderán unha morea de nanas para adormecer, aleitar e gozar da música nos primeiros meses de vida. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa, aberta ata o mesmo 9 de decembro, a través do correo electrónico gnl@ferrol.es. Cada menor irá acompañado dun máximo de dous adultos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario